20/11/2017
Inicio   |    Presentación   |    Misión, Visión e Valores   |   Centros    |    Colabora   |    Contacto   
galego castellano
   PROXECTO HOME GALICIA
 

XX ANIVERSARIO PROXECTO HOME GALICIA

MOTIVOS PARA A CONMEMORACIÓN
E ACTOS QUE CONFORMAN A MESMA

 

O 20 de xaneiro do ano 1990 botaba a andar en Santiago de Compostela o Programa Proxecto Home Galicia para a rehabilitación e reinserción social de persoas toxicodependentes. Cumpridos 20 anos daquela data inaugural e contemplando con serenidade a traxectoria seguida, podemos observar por un lado o traballo persistente da Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home que asumiu as rendas daquela iniciativa; o traballo tamén das institucións sociais, públicas e privadas, que estiveron colaborando para que a cousa fose posible; o traballo dos Equipos Terapéuticos que durante estes 20 anos acompañaron os procesos de rehabilitación de milleiros de homes e mulleres; e moi especialmente o esforzo destes milleiros de homes e mulleres, que apostaron por lle dar un cambio radical á súa vida, para vivila con saúde, responsabilidade e liberdade; ao lado do seu esforzo estivo, por suposto, o das súas familias, e o de centos, miles de voluntarios que desinteresadamente quixeron facerse presentes en tarefa tan altamente humanitaria.

Naquelas datas iniciais a Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home propoñíase, como marco de actuación, a creación de Centros de Proxecto Home en todas e cada unha das provincias galegas, para facilitar o acceso a este recurso de rehabilitación por parte de quen quixese servirse del. Temos que recoñecer, con humildade e con orgullo a un tempo, que este obxectivo que daquela se nos imaxinaba complexo e esixente, está solidamente cuberto: en tódalas provincias galegas está presente Proxecto Home, e en dúas, A Coruña e Pontevedra, estao por partida dobre.

Pois ben, ao lado de todo este traballo, observamos tamén a satisfacción inmensa de comprobar que houbo milleiros de persoas que puideron sacar adiante as súas vidas, e que, de telas totalmente rotas e inservibles, pasaron a convertelas en vidas dignas, vidas gozosas para si mesmas, para as súas familias, e, en conxunto, para toda a sociedade. En Proxecto Home atoparon, e seguirán atopando sempre, un centro libre de drogas, un espazo cálido e acolledor, onde poder coñecerse e recoñecerse coma persoas, onde aprender a decidir con autonomía e liberdade sobre a súa vida, onde recrear e recuperar espazos familiares deteriorados, onde habilitarse para unha interacción social integrada e construtiva. Se, cando unha persoa se destrúe, dalgunha maneira tamén a sociedade se destrúe; da mesma maneira, cando unha persoa se constrúe de novo, a sociedade toda está nela restaurando as súas fendeduras.

Loxicamente, non podiamos comprobar todo isto, vivido ao longo destes 20 anos tan tensos, densos e fructíferos, sen celebralo convenientemente, aínda que soamente sexa pola razón simple de que celebrar o traballado e conseguido nos animará a seguir traballando e conseguindo éxitos, que aquí vale tanto coma dicir conseguindo vidas, vidas con sentido, vidas dignificadas. Porque se algo temos claro, é que non están os tempos para cesións e abandonos: as substancias tóxicas seguen aí, a facilidade desta nosa sociedade para entregarse a conductas aditivas está aí, como está aí a tendencia a normalizar as cousas, aínda que sexan tan serías como asumir hábitos de dependencia, deteriorando o corpo e o espírito, a capacidade de vivir, a capacidade de estar facendo familia e sociedade responsable e libremente.

En resume, queremos agradecer o conseguido e motivarnos para o camiño que temos por diante, espertando no que poidamos a conciencia da sociedade galega para que non se deixe engaiolar cos cantos de sirena das adiccións que empezan na compracencia e acaban na destrucción persoal e social.

E quixemos levar a cabo esta conmemoración nun escenario amplo, onde entrasen aspectos que por un lado ou polo outro nos permitisen abrir luz no mundo entrambilicado que é sempre o das adiccións. Así congratulámonos enormemente de que a Universidade, a Universidade Compostelá, se comprometese connosco nesta celebración, ofrecéndonos os seus espazos para estes eventos e firmando coa Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home un Convenio de colaboración, que permitirá un intercambio de saberes teóricos e prácticos, que nos axudará a avanzar no que é o obxectivo final de ambas institucións: acadar cidadáns e cidadás libres, capacitados, con recursos para incidir positivamente na construcción deste anaco precioso e prezado de mundo que é Galicia.

Quixemos tamén conmemorar estes 20 anos de traballo terapéutico, convocando, para escoitalos e dialogar creativamente con eles, a persoas significativas do mundo da ciencia(Miguel Casas, Baltasar Garzón, Vicente Garrido, Jorge Sobral e Eric Broekaert), que teñen que ver cos comportamentos humanos, cos seus éxitos e fracasos, coas súas alternativas de reconstrucción e de reinserción familiar, laboral e social.(En folla aparte podedes ver os nomes dos relatores, os títulos das conferencias e os días e horas en que serán pronunciadas). Lévase pensado e escrito moito sobre das adiccións, lévase traballado moito por parte de tódolos axentes que se moven nos diferentes recursos de rehabilitación, pero todos e todas cantos así o facemos estamos convencidos de que hai que estudar máis, reflexionar máis, para facer cada vez un traballo mellor, que aporte mellor o que as persoas adictas esperan de nós: acompañamento eficaz no camiño da maduración persoal.

Nesta mesma liña tamén anunciamos a edición dun libro que levará por título "LAS COMUNIDADES TERAPÉUTICAS DE PROYECTO HOMBRE: HISTORIA, REALIDAD PRESENTE Y PERSPECTIVAS DE FUTURO. Un libro editado en nome da Asociación Proyecto Hombre, que abrangue a tódolos programas de Proxecto Home existentes en España, e por iso será editado en castelán, pero que foi especialmente querido e promovido por Proxecto Home Galicia, ata o punto de que é o autor do mesmo un dos seus Terapeutas, Manuel Regal Ledo. No seu momento, ao longo deste ano, farase tamén a presentación deste libro.

O mundo da arte quixo colaborar connosco solidariamente neste XX aniversario, e nós recibímolo cos brazos abertos. As obras de arte coas que queren contribuír a este evento comporán a IV Exposición "Arte e Solidareidade", que percorrerá as 7 grandes cidades de Galicia, coma embaixadora dunha mensaxe de vida e de esperanza. O mundo da arte é o mundo da fantasía, da creación e da beleza. E xustamente eses son as referencias máxicas, pero ben reais, coas que nos movemos os que traballamos no mundo das adiccións: fantasía para soñar co inimaxinable para un adicto: poder vivir felizmente sen drogas; creación para ir urdindo día a día ese enramado xusto e preciso que garanta a rehabilitación; e a beleza como espello e como meta: a fermosura simple e impresionante dunha persoa que recupera a risa e a esperanza, para deitarse cada noite sen angustia e erguerse cada mañá con ilusión.

E por último, como non podía ser doutro xeito, quixemos que o aspecto festivo non faltase nesta conmemoración; a alegría invádenos en cada momento deste XX Aniversario, pero expresarémola dun xeito especial no espectáculo musical co que pecharemos tódolos actos e do que xa lles daremos cumprida información no seu momento.

E máis nada, só reiterar o noso agradecemento a toda a sociedade galega: coa suma do esforzo de todos e todas, Proxecto Home érguese no medio do mundo complexo e confuso da drogadicción coma unha porta aberta á esperanza para cantos voluntariamente queiran entrar por ela. Que isto poida seguir sendo así, para proveito das persoas adictas e das súas familias, depende de nós, depende de todos.

 

Ramón Gómez Crespo
Director de Proxecto Home Galicia

 

          













 


©2007 Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home Galicia - Rúa do Cottolengo, 2 15702 TEL: 981572524 - 981573020