20/11/2017
Inicio   |    Presentación   |    Misión, Visión e Valores   |   Centros    |    Colabora   |    Contacto   
galego castellano
   PROXECTO HOME GALICIA
 

novas
---

I concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social

A Cátedra Jaime Vera da USC premia un proxecto pioneiro que emprega a piscicultura como terapia ocupacional e de responsabilidade ambiental en Proxecto Home


FOTO 13/03/2009 


Prestar asesoramento científico-técnico á comunidade terapéutica do Proxecto Home na creación e mantemento dunha pequena piscifactoría de troitas situada nas instalacións que a entidade ten en Cernadas-Portomouro (Val do Dubra) é o cometido dun innovador proxecto liderado dende a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” e que a Cátedra Jaime Vera vén de recoñecer co primeiro premio do seu I Concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social (ASES).

Reunido este mércores na Facultade de Matemáticas, o xurado do concurso valorou entre os 26 proxectos presentados o carácter pioneiro dunha iniciativa promovida polo profesor Fernando Cobo que presenta unhas “indiscutibles vantaxes” introducindo por vez primeira en terapia a utilización de peixes.

Trátase de transferir coñecementos acerca da cría da especie, instalacións e rendibilidade pero tamén, asesorados polo persoal da Estación de Hidrobioloxía da USc 'Encoro do Con', achegar aos participantes á bioloxía da fauna e flora dos ecosistemas acuáticos continentais galegos e así sensibilizalos sobre as ameazas á súa biodiversidade e a necesidade da súa conservación.

A Cátedra Jaime Vera constituíuse na USC en xaneiro de 2008 co obxecto de fomentar a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento no ámbito do emprendemento social referido á creación e liderado de organizacións, compañías e proxectos cun propósito que, máis aló da rendibilidade do capital, diríxese cara o desenvolvemento do seu contorno.

O segundo premio recaeu no Programa INITIA que dirixe o profesor de Lugo Urbano Fra, unha acción que busca iniciar na actividade investigadora aos alumnos e alumnas de ensino secundario en situación social desfavorecida. Esta iniciativa, que comezou no curso 2007-2008 con dez profesores da USC e nove centros de ensino secundario da cidade luguesa, desenvólvese nos laboratorios e centros de investigación onde son titorizados por profesores e investigadores universitarios.

Canalizar parte do movemento de voluntariado da USC para transformalo nun factor de protección para adolescentes en risco de inadaptación social é a pretensión do Programa Padriñazgo que, promovido pola estudante de terceiro ciclo de Psicoloxía Olaia Bajo, acadou o terceiro premio do concurso.

Os premios estan dotados  con:
    * Primeiro premio 3.000 euros
    * Segundo premio 2.000 euros
    * Tercer premio 1.000 euros





Enlace web:
web Reportaxes na televisión sobre esta nova.

.

 

[ ATRÁS ]

 

 

          













 


©2007 Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home Galicia - Rúa do Cottolengo, 2 15702 TEL: 981572524 - 981573020