22/11/2017
Inicio   |    Presentación   |    Misión, Visión e Valores   |   Centros    |    Colabora   |    Contacto   
galego castellano
   PROXECTO HOME GALICIA
 

novas
---

Esta segunda edición ten a finalidade de recadar fondos para Proxecto Home Galicia

Presentación da II Carreira Solidaria Popular do Polígono do Tambre


FOTO 19/05/2008 


O Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e Concelleiro de Deportes de Santiago, Andrés Fariña, e o Presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre (AEPIT), Jesús Chenel, presidiron hoxe a presentación da "II Carreira Solidaria Polígono do Tambre", que se celebrará o próximo día 1 de xuño nesta área empresarial compostelana, e que nesta edición ten a finalidade de recadar fondos para Proxecto Home Galicia. A cita volverá contar coa participación dun dos adestradores da Selección Galega de Fútbol, Arsenio Iglesias, e dos atletas Alejandro Gómez e Andrés Díaz, aos que se suman este ano o ciclista do Karpin Galicia, Ezequiel Mosquera, e o ex xogador do Deportivo e do Compostela José Ramón González. Tamén teñen prevista a súa asistencia, en función das súas axendas, o actor Sergio Pazos e o ex xogador do Deportivo "Fran" González.

Andrés Fariña mostrou a súa "ilusión" polo desenvolvemento desta iniciativa deportiva na que conflúe a colaboración entre a administración, a empresa e o deporte. "Tres sectores que teñen que facer moito a favor da igualdade de dereitos, na loita contra o racismo e, neste caso, xuntar
esforzos en defensa do traballo que fai Proxecto Home Galicia en beneficio das persoas que perderon toda capacidade de decisión sobre os seus comportamentos", afirmou.

O Vicepresidente da Fundación e Concelleiro de Deportes de Santiago engadiu que: "O deporte ten ao seu favor que é unha acción sen fronteiras, que se pode desenvolver en calquera lugar. Por iso é bo instrumento básico para poder conseguir recursos e poñer medios para solucionar os problemas de moita xente".

O acto tamén contou coa presenza da Concelleira de Benestar Social e Muller, de Santiago Mar Martín, que manifestou o "apoio" do Concello de Santiago e do departamento que preside a esta iniciativa que une deporte e solidariedade. "Tamén é fundamental a causa. É un acerto elixir á organización Proxecto Home Galicia, un proxecto pioneiro en Santiago e Galicia en canto á recuperación de persoas adictas ás drogas,", subliñou.

Pola súa parte o Presidente da AEPIT, Jesús Chenel, expresou a súa satisfacción pola continuidade da Carreira Solidaria Polígono do Tambre. "Por outra banda, é un orgullo poder dicir que a nosa área empresarial e as súas empresas se comprometen cada día máis en iniciativas sociais e solidarias.

Esperamos seguir así e seguir facendo gala de responsabilidade e compromiso social. Parécenos
que para que exista unha sociedade xusta tamén é importante que o mundo empresarial achegue algo dos seus beneficios a estes proxectos", indicou.

Neste sentido, Fariña engadiu que a responsabilidade social da empresa é un aspecto fundamental. "Traballar en beneficio dos máis necesitados é algo importantísimo e que espero que pouco a pouco poida ir calando en todas as empresas. Se non contamos coa colaboración das empresas, dificilmente a administración poderá chegar a todos os ámbitos, porque cada vez son máis os rapaces e rapazas que practican unha maior variedade de deportes,", explicou.

O impulsor da Carreira Solidaria Polígono do Tambre, o atleta santiagués Pedro Nimo, agradeceu ás entidades organizadoras e colaboradoras (Concello de Santiago, Cruz Vermella, Begano-Coca Cola e Centro Deportivo) o apoio por segundo ano consecutivo a esta iniciativa. "Creo que o deporte ten que ir sempre ligado e, máis hoxe en día, a outras accións. Neste caso a unha iniciativa solidaria", comentou Nimo e agregou que: "Os deportes dan unha serie de valores que non se aprenden nas escolas", subliñou.

Pola súa parte o Director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez, afirmou que: "Este é para min unmomento moi importante e cheo de significado. Para un institución como a que represento, na
que tamén estamos nunha longa loita e nunha gran marcha de solidariedade por facer que tantos mozos, ao longo destes case vinte anos, recuperen o protagonismo da súa vida que é: dicir non á droga e recuperarse plenamente para a integración social das persoas".

Gómez engadiu que: "Nós somos os únicos que realmente temos que dar grazas a todos por pensar na nosa institución. Para os que traballamos diariamente nesta loita de axudar aos (ás) novos a que reorienten o seu proxecto vital, iniciativas como estas son un impulso para os
profesionais, os voluntarios e os propios usuarios. Neste momento en Proxecto Home Galicia
son máis de 500 mozos os que están a loitar por recuperar a súa vida. É un momento bonito e cheo de significado porque a sociedade os deportistas de elite como Pedro Nimo, e todos os que se darán cita na carreira, non lle dan as costas a nosos novos".

Carreira Solidaria
O Delegado en Santiago de la Federación Galega de Atletismo (que levará o control técnico da
proba), Iván Sanmartín, explicou as características técnicas desta proba que se desenvolverá por
segundo ano consecutivo nas rúas do Polígono Industrial do Tambre. "A saída estará na Vía Edison (ao lado do concesionario Noyamóvil), ás 11.30 horas. Os participantes terán que dar tres voltas a un circuíto de 2.200 metros, completando un total de 6.600 metros".

Sanmartín subliñou que a proba é de participación aberta. "Tanto para atletas federados como non federados, e a clasificación será conxunta. Haberá dúas categorías de competición, que participarán conxuntamente: Infantil: atletas nacidos no 1.993 e posteriores e Adultos: atletas nacidos no ano 1.992 e anteriores", precisou.

O Delegado en Santiago dá FGA, apuntou que todos (ás) os (ás) que queiran participar nesta "II
Carreira Solidaria Polígono do Tambre" dispoñen de dúas vías para formalizar as súas inscricións: no correo electrónico: inscricionsFGAsantiago@gmail.com ou a través do número de fax 981.191.559; indicando os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento completa (día/mes/ano), club e número de licenza (se a ten) e correo electrónico. O prazo de inscrición rematará o venres 30 de maio ás 14.00 horas.

Dado o carácter solidario da proba, para poder participar nesta entregarase un donativo no momento da recollida do número, a contía do cal será persoal, nunha carpa que será habilitada a tal efecto ao lado da saída da proba. Todos os donativos serán entregados á organización Proxecto Home Galicia (toda a información referente a esta poden consultala no portal de internet www.proxectohome.org).

Por último, Iván Sanmartín tamén explicou que se outorgarán trofeos aos tres primeiros clasificados tanto na categoría infantil coma na de adultos (tanto en homes coma en mulleres).


Documentación:
doc REGULAMENTO DA II CARREIRA POPULAR DO POLÍGONO DO TAMBRE

.

 

[ ATRÁS ]

 

 

          













 


©2007 Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home Galicia - Rúa do Cottolengo, 2 15702 TEL: 981572524 - 981573020