18/11/2017
Inicio   |    Presentación   |    Misión, Visión e Valores   |   Centros    |    Colabora   |    Contacto   
galego castellano
   PROXECTO HOME GALICIA
 

novas
---



O conselleiro de Cultura e Educación visita a Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia


FOTO 01/07/2014 


O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a comunidade terapéutica ‘As Cernadas’ de Proxecto Home Galicia, emprazada no concello de Val do Dubra.

O conselleiro, que veu acompañado por José Manuel Pinal, director xeral de Centros e Recursos Humanos, foi recibido por Ramón Gómez Crespo, director de Proxecto Home e por Jesús García Vázquez, presidente do Padroado da Fundación Monte do Gozo.

Despois de facer un percorrido polas instalacións, o conselleiro reuniuse co equipo educativo-terapéutico deste centro e despois mantivo un encontro coas persoas en tratamento na Comunidade Terapéutica, onde salientou o labor  esta entidade na construción dunha sociedade inclusiva.

 Neste sentido resaltou o papel dos centros “como no que nos atopamos hoxe que ofrecen unha segunda oportunidade ás persoas, apoiándoas e confiando nas capacidades que elas e eles poden ofrecer ao conxunto da sociedade, e que en moitas ocasións quedan ocultas ou esquecidas pola vivencia dunha situación difícil, ben sexa no relacionado co alcol, coas drogas ou coa ludopatía”.

O titular do departamento educativo da Xunta quixo, ademais, agradecer o traballo de prevención que desenvolve Proxecto Home Galicia a través de diversos programas, orientados a mozos e adolescentes entre 14 e 16 anos, consumidores esporádicos de drogas ou con vivencias de risco, que procura afastar aos máis novos destas condutas problemáticas.

Neste sentido lembrou tamén a importancia do papel do sistema educativo neste eido, difundindo entre o alumnado información sobre a drogodependencia e a necesidade de levar uns hábitos de vida saudables.
Por último Xesús Vázquez Abad animou ás persoas integrantes desta comunidade terapéutica a continuar traballando para superarse a si mesmos, de acordo coa filosofía de Proxecto Home, que entende a rehabilitación como un proceso de crecemento persoal de cara á propia autonomía, promovendo o desenvolvemento e maduración das persoas para que acaden ou recuperen a súa plenitude.

O director de Proxecto Home Galicia salientou a colaboración coa administración autonómica e, en concreto, coa consellería de Cultura e Educación que se remonta a hai preto de vinte anos.

Durante todo este tempo a consellería soubo ver e entender a importancia da formación no proceso de rehabilitación e reinserción sociolaboral das persoas e froito disto é un convenio de colaboración coa consellería e Cultura e Educación que mantén, actualmente, a dous profesores, un de primaria e outro de secundaria, a disposición de Proxecto Home Galicia.


.

 

[ ATRÁS ]

 

 

          













 


©2007 Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home Galicia - Rúa do Cottolengo, 2 15702 TEL: 981572524 - 981573020