19/11/2017
Inicio   |    Presentación   |    Misión, Visión e Valores   |   Centros    |    Colabora   |    Contacto   
galego castellano
   PROXECTO HOME GALICIA
 

novas
---



XXII Festa da Solidariedade de Proxecto Home


FOTO 16/09/2013 


Amigos, fillos, pais, persoas aínda en proceso de reinserción, usuarios de hai case dúas décadas... Proxecto Home celebrou a súa festa solidaria número 22 tras 23 anos desde a súa posta en marcha. Reuníronse no Multiusos de Sar nun gran xantar no que cada familia compartiu comida co resto e tras o que houbo un programa lúdico con actuacións dos usuarios dos centros e unha homenaxe aos voluntarios.

A mensaxe desta entidade que acumula dous decenios de experiencia e conta con sedes nas catro provincias é claro, reflectir con esta festa o esforzo que fai Proxecto Home; mostrar que a droga ten solución; explicar á sociedade que a recuperación das persoas que pasan por estes centros é grazas á propia sociedade; e intentar unha maior sensibilización, explica o seu director, Ramón Gómez Crespo.

En 23 anos pasaron por Proxecto Home novos e menos novos. Juan Carlos ten 44 anos e o seu primeiro intento de deixar as drogas foi aos 26 anos. Pero foi hai 14 meses cando tomou a decisión máis firme. «O máis difícil é querer deixalo ti, aos 26 fíxeno pola familia pero non estaba pola labor». Aos quince comezou a tontear co alcol, logo chegaron a cocaína e o resto e aos 19 estaba totalmente enganchado. «Era fácil atopar a droga», explica. O que máis lle doe destes anos de constantes idas e vindas a este pai de dous pequenos é o tempo tirado. «Dóeme por min, por ter perdido o tempo e non saber enfrontarme a unha realidade descoidando o máis grande, que son os meus fillos». Acudir a Proxecto Home foi a mellor decisión que tomou, «a man no lume non a podo poñer, pero podo loitar. Sempre serei unha persoa que foi consumidora».

Celeste está feliz. Hai dous anos, despois de dez enganchada, entrou no centro que a entidade ten en Cernadas. Nunha mesma familia, coa mesma educación, ela enganchouse e o seu irmán non só nunca o fixo senón que loitou con todas as súas forzas para axudar á súa irmá. Admite que non hai unha soa causa, «comezas xogando, a veces porque tes vergoña, ou para ser igual que os demais», di. O punto de inflexión foi «ver que os estaba perdendo a todos, a toda a miña familia». Ten 30 anos e é animadora sociocultural, pero busca traballo de calquera cousa porque asegura que para ela é básico estar en activo. Os fins de semana volve á aldea, en Mondariz, e asegura que desde que deixou as drogas «estou tan contenta, agora estou disfrutando a vida en todos os sentidos», conclúe.

Fonte: La Voz de Galicia
Foto: Corrego Gallego



.

 

[ ATRÁS ]

 

 

          













 


©2007 Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home Galicia - Rúa do Cottolengo, 2 15702 TEL: 981572524 - 981573020