20/11/2017
Inicio   |    Presentación   |    Misión, Visión e Valores   |   Centros    |    Colabora   |    Contacto   
galego castellano
   PROXECTO HOME GALICIA
 

novas
---



Presentación do libro “Cernadas e a Fundación San Castor e Santa Adelaida. De priorato benedictino a centro terapéutico de Proxecto Home Galicia (séculos X-XXI) "


FOTO 27/05/2013 


Na Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia presentouse hoxe o libro titulado "Cernadas e a Fundación San Castor e Santa Adelaida. De priorado beneditino a centro terapéutico de Proxecto Home Galicia (séculos X-XXI) "

O acto estivo presidido por Elisardo Temperán, en representación do Arcebispo de Santiago de Compostela e Presidente da Fundación "Asilo de San Castor e Santa Adelaida". Asistiron tamén os outros dous patróns desta fundación o Alcalde de Santiago, Anxo Currás e o Reitor da Universidade de Santiago, Juan José Casares. Ademais dos autores do libro Fernando Suárez e Héctor Lago, estiveron presentes Ramón Gómez Crespo, Director de Proxecto Home Galicia e Xerente da Fundación Monte do Gozo.

Con motivo da conmemoración do centenario da súa creación, a Fundación "Asilo de San Castor e Santa Adelaida" proxectou a realización dunha investigación que, da forma máis profesional posible, recuperase e puxese por escrito o seu pasado e, especialmente, a historia do Couto ou Bosque de Cernadas, que constitúe o seu valor máis significativo.

A investigación levada a cabo por Fernando Suárez Golán e Héctor Lago Almeida, pretende situar a Cernadas no lugar que lle corresponde na recente historia de Compostela e de Galicia, destacando o seu carácter singular, a súa vinculación coa Fundación "Asilo de San Castor e Santa Adelaida" e "Proxecto Home Galicia", e en xeral, o labor social que alí se desenvolve.

O desenvolvemento da investigación foi sen dúbida un labor arduo pola falta de noticias, a maioría delas reiterativas ou anecdóticas, que pouco ou nada aclaraban nunha historia que formulaba máis interrogantes que respostas.

O resultado foi a constatación de que o Couto de Cernadas atesouraba tras de si un pasado moito máis longo e interesante do que nun principio se pensaba, cunha traxectoria histórica que dura máis de dez séculos e unha natureza cambiante pero fiel á súa esencia. Unha histora que, partindo dunha doazón real, "comezou alá polo século X cunha "infancia" durante a que Cernadas foi crecendo como unha das máis extensas propiedades territoriais do mosteiro beneditino de San Martín Pinario, para co tempo, chegar a alcanzar unha entidade propia", plasmada primeiro no Asilo de Cernadas, fundado o 7 de xuño de 1909, por Doña Adelaida garcía Rodríguez, primeira Condesa de Bugallal, e encomendada ás Hermanitas dos Anciáns Desamparados e, nos nosos días, no labor realizado por Proxecto Home no Couto de Cernadas cun innovador centro terapéutico.



Enlace web:
web Galería Fotográfica

.

 

[ ATRÁS ]

 

 

          













 


©2007 Fundación Monte do Gozo - Proxecto Home Galicia - Rúa do Cottolengo, 2 15702 TEL: 981572524 - 981573020