FORMACIÓN PRELABORAL
PROGRAMA DE FORMACIÓN PRE-LABORAL.pdf
En Proxecto Home entendemos o individuo como algo global no que "inflúen diferentes aspectos (hábitos, actividades, sentimentos, trazos, estilos de conduta...).
A fase do Programa Terapéutico durante a cal se vai desenvolver este Proxecto de Formación denomínase
Reinserción Social. É a terceira e última fase do Programa cuxo obxectivo final é a plena inserción do individuo no ámbito social. Isto non é unicamente que os residentes, unha vez finalizado o Programa, obteñan traballo, estuden... e polo tanto, adquiran a súa propia autonomía, senón que desenvolvan todas as potencialidades que como seres humanos teñen. Que poidan vivir dignamente na sociedade real na que se encontren, coas tensións e conflitos que esta provoca, pero sen necesidade de depender da droga. Isto non quere dicir que teñan que asumir e aceptar esta sociedade de forma acrítica, senón todo o contrario. Nesta última fase do Programa o mozo pon en práctica todo o realizado durante este. É a fase na que emerxen as inseguridades pasadas, onde se produce unha crise de identidade entre a súa personalidade pasada e a presente de persoa que realiza un proceso de maduración e que o ten que poñer en práctica en medio da sociedade.
Por esta razón, é obvio que a intervención a realizar implica unha integridade nas liñas, ofrecendo ao ex-toxicómano non só a posibilidade de formarse para o desempeño dunha actividade profesional, senón compaxinalo coa súa definitiva e total reinserción social en todos os ámbitos, para asegurar o éxito do traballo realizado nas etapas anteriores do Programa.
Obxectivo xeral
O obxectivo xeral desta intervención é lograr unha formación integral que, por unha parte, capacite os
ex-toxicómanos para o desempeño dunha actividade profesional que facilite a súa integración social e laboral e a adquisición de
hábitos e actitudes positivas que favorezan o desenvolvemento e a maduración persoal, contribuíndo ao éxito do seu proceso
terapéutico.
Obxectivos específicos:
. Capacitación profesional teórica básica dun oficio, neste caso xardineiro.
. Fomentar o espírito de autonomía e independencia dos ex-toxicómanos para que se vexan capaces de levar adiante un proxecto e se sintan posuidores das aptitudes e actitudes necesarias para asumir o seu propio futuro como algo dependente delas mesmas.
. Potenciar nos ex-toxicómanos as capacidades, recursos persoais e coñecementos técnicos necesarios para asegurar un futuro profesional.
. Adquisición de hábitos e actitudes facilitadoras da inserción laboral.
. Adquirir unha actitude positiva ante os elementos culturais que rodean o mozo a través da participación.
. Orientar e cultivar o proceso de crecemento persoal e educativo dos ex-toxicómanos.
. Ofrecer instrumentos necesarios para enriquecer a bagaxe cultural do mozo.
. Desenvolver actitudes facilitadoras da convivencia e a participación social.
. Comprensión do seu ámbito social e xeográfico.
. Ofrecer unha alternativa creativa de ocupación de tempo libre.
. Potenciar a socialización e a vida en común.
. Fomentar a expresión artística como opción de tempo libre.





|